V - X

Verderolo común - Voitre branco - Xílgaro

 

Verderolo Común.-
  • Paleártica. En Europa é sedentario e atópase distribuido desde o sur da P. Escandinava ó Mediterráneo con desprazamentos invernais das poboacións máis norteñas cara ó sur da área de cría. Na P. Ibérica é sedentario con invernantes. En toda Galicia é común. Un exemplar anelado en Valdoviño foi recuperado en Vila Real (Portugal) ano e medio despois. Habita nas zonas de cultivo con árbores espalladas. Constrúe o niño en árbores e sebes. Pon de mediados de abril a xullo 3-5 ovos brancos ou azuis claros apencados que choca a femia durante 15 días; os polos voan ó cabo doutros 15. Dúas roladas e ás veces tres. Aliméntase de sementes, bagas e froitos ventureiros. En inverno anda en bandos xunto con outras frinxílidas. Outros nomes polos que é coñecido vulgarmente o Verderolo son Verderol e Canario bravo.
    Expo. Nivel Exemp.
    1.1 3 1
Voitre Branco.-
  • Ocupa as ribeiras do mediterráneo e esténdese ata India en Asia e o sueste de África. Na P. Ibérica é estival con cría en case tódolos macizos montañosos. A súa poboación estímase en 4-5 mil individuos. Algúns permanecen en inverno na Península. En Galicia é moi raro. O C.P.A.N. en 1.989 mantén o criterio de 1-2 parellas. Habita nas penedías con campo aberto nas proximidades. Aniña en buratos de penedías. Pon de marzo a abril dous ovos brancos manchados en castaño que chocan os dous sexos durante 42 días; os polos voan logo de dous meses e medio. Xeralmente unha das crías morre. Aliméntase fundamentalmente de preas de todo tipo; en menor captura presas vivas. Outros nomes polos que é coñecido vulgarmente o Voitre Branco son Alimoche e Abutre Branco.
    Expo. Nivel Exemp.
    1.1 1 1
Xílgaro.-
  • Paleártica. Distribuído por toda Europa, agás o norte da P. Escandinava. Sedentario con migración das poboacións máis norteñas cara á zona sur da súa área de cría. Na P. Ibérica é numeroso con cría en toda ela e invernantes europeos. En Galicia é pouco común e sedentario con invernantes: un individuo anelado en Asturias foi recuperado na Coruña 85 días despois e outro de Alemania en Pontevedra ós 28 días. Ben distribuído por toda ela, sobre todo pola banda costeira, vales de ríos e zona ourensá de clima máis cálido, ata os 1100-1200 m de altitude. En setembro reúnense en bandos pola costa para comer cardos. Habita nas zonas de cultivo e nos campos ermos con cardos. Constrúe o niño en árbores e sebes a unha altura de 2 a 4,5 m. Pon desde a primeira semana de maio a últimos de xullo 3-4 ovos azuis claros que choca á femia durante 13 días; os polos voan logo doutros 13. Dúas roladas. Aliméntase principalmente de sementes de cardo, bidueiro e ameneiro, e insectos. Sabido é que se capturan Xílgaros durante o outono para engaiolar. Da observación directa destas capturas pódense facer varios comentarios: a) dada a baixa densidade da especie non parece acertado continuar con esta práctica; b) cáusase unha alta mortandade tanto de forma directa no momento de abate-las redes, como nos primeiros días de cautiverio; C) as capturas comenzan na práctica un mes antes do período estipulado legalmente. A situación foi denunciada publicamente en varias ocasións (ver, por exemplo, o boletín MUSTELA nº 1), con escasos resultados. Outros nomes polos que é coñecido vulgarmente o Xílgaro son Pintasilgo e Picacardo.
    Expo. Nivel Exemp.
    1.1 3 1

[Comenzo da páxina|Primeira vitrina|Menú Aves]